
19
Novembro
VIVEIRO CREA UNHA OFICINA DE ATENCIÓN AO CIDADÁN CON MOTIVO DOS DANOS PRODUCIDOS POLA TROMBA DE AUGA DO DÍA 19 DE NOVEMBRO
Dª. María Loureiro García, Alcaldesa do Concello de Viveiro, INFORMA QUE
A primeira hora da mañá celebrouse a reunión convocada pola Alcaldía, coa presenza de Policía Local, Protección Civil, Bombeiros, técnicos municipais e os voceiros dos grupos políticos, para realizar unha primeira valoración dos danos producidos pola tromba de auga que esta noite inundou a cidade.
Entre as medidas adoptadas, acordouse crear unha oficina de atención ao cidadán para facilitar as xestións e tramitación das axudas estatais aos afectados (segundo o establecido no Real Decreto 307/2005, de 18 de marzo, polo que se regulan as subvencións en atención a determinadas necesidades derivadas de situacións de emerxencia ou de natureza catastrófica, e se establece o procedemento para a súa concesión), co fin de evitar o seu desprazamento á Subdelegación do Goberno en Lugo. Infórmase que o prazo para a solicitude destas axudas é de un mes a contar dende o día de hoxe. Estas axudas son totalmente independentes das que cada particular poida tramitar co seu seguro.
Esta unidade de atención aos cidadáns permanecerá aberta, en horario de oficina, durante o prazo de un mes; ademais, no día de hoxe, esta oficina permanecerá aberta de forma ininterrumpida, ata as 20:00 horas. Esta oficina está situada na 2ª planta da casa do concello (oficina de rehabilitación do casco antigo de Viveiro) e nela facilitaranse os formularios que os interesados deben cubrir e informacións sobre a documentación a presentar.
Dende o concello solicítase aos afectados que comuniquen os danos producidos á maior brevidade posible para poder tramitar o expediente oportuno e que xunto coa solicitude se presenten, de ser posible, fotografías dos danos causados
Viveiro, na data que conta á marxe.
A alcaldesa,
María Loureiro García