
03
Xullo
REUNION REBROTES A MARIñA
O CONCELLO DE VIVEIRO MANTÉN UNHA REUNIÓN DE SEGUIMENTO COA XUNTA POLO REBROTE DA MARIÑA E APELA Á CONCIENCIA SOCIAL PARA MANTER A SITUACIÓN CONTROLADA
Viveiro, 3 de xullo de 2020. A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, mantivo hoxe unha reunión á que foi convocada pola Consellería de Sanidade, xunto a outros concellos da Mariña, na que lle confirmaron que hai un rebrote na comarca, que está controlado, e na que se lles pediu a todos os presentes que se seguiran extremando as medidas de vixiancia.
Dende o Concello de Viveiro, igual que nos demais municipios, dende o 14 de marzo se adoptaron todas as medidas establecidas, incluso por encima das posibilidades da administración local, tanto económicas, como loxísticas e de persoal.
Segundo a información facilitada nesta reunión e con datos do día de onte, no Concello de Viveiro detectáronse nos últimos catorce días tres positivos e nos últimos tres días houbo un positivo. Hai polo tanto casos, pero ao parecer Viveiro non é dos concellos nos que máis positivos hai.
“Atendendo a esta situación é necesario apelar á responsabilidade e conciencia social co fin de evitar a propagación do virus e preservar a seguridade e saúde pública, insistindo unha vez máis, sobre todo á xuventude, na necesidade de usar mascarilla sempre”, sostén a alcaldesa.
María Loureiro reunirase tamén no día de hoxe coa Policía Nacional e coa Policía Local para apremiar, aínda máis, o control que se viña facendo con respecto ao cumprimento das medidas de prevención establecida, entre as que se atopa o citado uso de mascarilla.
Dende o goberno municipal irase informando a todos os veciños e veciñas sobre a información que dende a Consellería de Sanidade se vaia transmitindo, para o que o concello será convocado dous días á semana co fin de informar sobre a evolución da situación e da taxa de propagación do brote.
O Concello de Viveiro está a disposición de calquera veciño ou veciña que queira máis información e lembra, finalmente, que a conciencia social é fundamental nestes momentos, polo que se apela de novo á responsabilidade de todos e todas. En definitiva, cómpre manter a calma, pero extremando as precaucións e sen baixar a garda.
Hoxe ao mediodía, a alcaldesa reunirase cos voceiros dos distintos grupos municipais para transmitirlles a información facilitada na reunión referida.
Saúdos, Comunicación do Concello de Viveiro