PERMISO DE ACCESO DE VEHÍCULOS AO CASCO ANTIGO

PERMISO DE ACCESO DE VEHÍCULOS AO CASCO ANTIGO

O CONCELLO DE VIVEIRO LEMBRA A NECESIDADE DE RENOVAR O PERMISO DE ACCESO DE VEHÍCULOS AO CASCO ANTIGO PARA ESTE ANO

Viveiro, 25 de xaneiro de 2022. O Concello de Viveiro recorda á cidadanía que os permisos de acceso ao casco antigo do municipio teñen carácter anual, polo que é preciso efectuar a súa renovación para o ano 2022. Unha circunstancia que se recolle na Ordenanza sobre a regulación do tráfico no casco antigo do Concello de Viveiro.


 

Neste sentido, os titulares de Distintivos de Acceso Restrinxido ao casco antigo que desexen renovar a súa vixencia para o presente ano deben presentar no rexistro municipal unha nova solicitude. Deberán realizalo mediante a instancia facilitada nas dependencias municipais, á que se axuntará unicamente a documentación que non conste no expediente do ano anterior ou estea caducada.


 

Segundo o establecido na Ordenanza citada, en vigor o 25 de xaneiro de 2021, pódense solicitar estes Distintivos de Acceso Restrinxido para os seguintes supostos:

  • Usuarios de garaxes (Distintivo G).

  • Titulares de establecementos comerciais (Distintivo EC).

  • Servizos de distribución e reparto (Distintivos D e DP)

  • Mercado semanal (Distintivo M)

  • Acceso a persoas con dificultades de mobilidade temporal ou definitiva (Distintivo MR)

  • Servizos esencias para a comunidade (Distintivo S)

  • Residentes (Distintivo R).

  • Empresas de servizo de comida rápida, reparto asistencial de comida a domicilio, reparto urxente de menciñas (Distintivo RR).

  • Obras (Distintivo O)

  • Eventos e celebracións (Distintivo EV)

  • Autorizacións extraordinarias (Distintivo EX).


 

Dende o Concello de Viveiro quérese lembrar que esta ordenanza foi elaborada co consenso de todos os grupos municipais co obxectivo de regular o tráfico dentro do casco antigo de Viveiro.


 

Na súa elaboración, tívose en conta que esta área se considera peonil na súa totalidade e que actualmente está protexida polo Plan Especial de Protección Interior (PEPRI). Ao mesmo tempo, regúlanse os accesos necesarios para residentes, usuarios de garaxes, titulares de establecementos comerciais, repartidores, obras e demais supostos recollidos na mesma.


 

Esta normativa fíxose coa pretensión de mellorar e dotar de maior seguridade a todas aquelas persoas que transitan polo interior do casco antigo, sabendo que o acceso de vehículos está regulado e restrinxido a unhas determinadas franxas horarias, salvo excepcións.


 

Compatibilízase deste modo o seu carácter peonil coa actividade comercial ou hostaleira existente. Ademais, regúlanse outros supostos que poden motivar a necesidade de acceder con vehículos ao casco antigo, establecendo para cada caso os requisitos esixidos e as condicións para o acceso.


 

Finalmente, quérese incidir na necesidade de dar cumprimento ao establecido nesta ordenanza para o que, por parte do Concello, se continuará realizando un seguimento. Lémbrase, asemade, que poden realizarse consultas ou resolver dúbidas con respecto a esta ordenanza ou á tramitación dos distintivos de acceso nas oficinas municipais.


 

Saúdos,

Comunicación Concello de Viveiro

 

Uso de cookies
Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies

continuar