
30
Xullo
OBRAS RUA ARRIBADA
O CONCELLO DE VIVEIRO RENOVARÁ A REDE DE SANEAMENTO E ABASTECEMENTO DA RÚA ARRIBADA DE CELEIRO, UNHAS OBRAS CUN ORZAMENTO DE 102.000 EUROS
Viveiro, 29 de xullo de 2020. O Concello de Viveiro informa aos veciños e veciñas de Viveiro que no día de hoxe tivo lugar a mesa de contratación para a adxudicación do contrato de obra ‘Reposición e mellora de rede de saneamento, rede de pluviais e abastecemento de auga na rúa Arribada de Celeiro’.
A rúa Arribada, que é o principal acceso de comunicación á rúa Grande, presenta un trazado sinuoso e a tipoloxía das edificiacions que a flanquean confírenlle unha singularidade especial, mantendo a día de hoxe a tipoloxía propia dun asentamento tradicional mariñeiro.
Esta obra, cun presuposto de contrata de 101.929,21 €, é subvencionada polo Fondo de Compensación Ambiental 2020, que financia o importe de 92.317,61 €, correspondendo á aportación municipal o importe restante.
O obxecto deste proxecto é a reposición da pavimentación da rúa Arribada en toda a súa lonxitude, así como a mellora de todos os servizos urbanos e a restructuración integral do mesmo, co obxectivo de garantir a funcionalidade e mellorar a calidade visual e urbana do contorno. As actuacións que se pretenden realizar consisten en:
- Aumentar a sección dos tubos que forman a rede de evacuación de augas residuais.
- Dotar a este tramo do vial dunha rede separativa de pluviais.
- Aumentar a sección da rede de suministro de auga potable, e así garantir o bo servicio da instalación.
- Soterramento de instalación de alumeado público.
- Demoler o pavimento actual de formigón, para colocar losetas de granito gris abullardado, seguindo o mesmo criterio que se está utilizando para o resto do núcleo de Celeiro.
Saúdos, Comunicación do Concello de Viveiro