O CONCELLO RECLAMA QUE A XUNTA ASUMA OS GASTOS DO CONSERVATORIO

O CONCELLO RECLAMA QUE A XUNTA ASUMA OS GASTOS DO CONSERVATORIO

O CONCELLO DE VIVEIRO RECLAMA QUE A XUNTA ASUMA OS GASTOS DO CONSERVATORIO, “AO SER UN CENTRO CUNHA ENSINANZA REGLADA E AUTONÓMICA”

Viveiro, 29 de novembro de 2024. O Concello de Viveiro apoia a iniciativa de recollida de firmas e as reivindicacións postas en marcha para reclamar que a Xunta de Galicia asuma os gastos do Conservatorio.

Para colaborar coa petición, instalouse na planta baixa da Casa do Concello unha mesa cos formularios correspondentes, para que a xente que estea a favor da iniciativa a poida asinar.

A alcaldesa María Loureiro sinala que "o Concello leva moito tempo facéndolle esta reivindicación ao Goberno galego por diferentes vías, xa que se trata dun ensino reglado e autonómico, o Concello ten que cumprir e adaptarse a todo o que estipula a Xunta, pero vén asumindo todos os gastos".

A tenenta de alcaldesa, Miriam Bermúdez, amosou pola súa parte "todo o apoio a estas dúas iniciativas tan necesarias para que a Xunta asuma o que é competencia e responsabilidade súa", animando á veciñanza a que acuda a asinar a iniciativa.

"O Conservatorio de Viveiro dá un servizo de calidade a centenares de persoas do municipio e da súa contorna, non é de recibo que o Goberno galego ignore deste xeito as súas necesidades", engadiu Bermúdez.

Os gastos do conservatorio no ano 2023 ascenderon a 1.141.676,22€, dos que 1.097.967,88€ foron gastos de salarios e seguridade social. Os 48.708,94€ restantes foron gastos de electricidade, limpeza ou mantemento.

Por outra banda, os ingresos do conservatorio no ano 2023 ascenderon a 195.086,57. Destes, 103.326,31€ son de matrículas e importes mensuais do alumnado, 76.760,26€ dunha subvención concedida pola Xunta e 15.000€ dunha subvención da Deputación.

No curso 2023-2024 houbo 237 alumnos e alumnas, procedentes, ademais de de Viveiro, de concellos como Alfoz, Burela, Cervo, Foz, Mañón, Mondoñedo, Ortigueira, Ourol, O Valadouro, O Vicedo ou Xove. 27 fixeron o curso preparatorio, 113 o grao elemental e 97 o grao profesional.

Neste curso 2024-2025 hai preto de 250 alumnos, aos que hai que engadir 120 alumnos da Asociación de Adultos do Conservatorio. Ademais, no Conservatorio ensaian a Banda Municipal O Landro e grupos compostos por persoal e alumnado. Hai 16 profesores a xornada completa e 8 profesores con xornada parcial.

Saúdos, Comunicación Concello de Viveiro

 

Uso de cookies
Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies

continuar