21
Novembro
NON AOS RECORTES DOS ESPAZOS XOVES
O CONCELLO DE VIVEIRO RECLAMA Á XUNTA "QUE NON RECORTE O ESPAZO XOVE E RESTAURE O SERVIZO DE ANIMACIÓN SOCIOCULTURAL"
Viveiro, 21 de novembro de 2024. O Concello de Viveiro reclama á Xunta de Galicia e á Consellería de Xuventude "que non recorte o Espazo Xove e restaure o servizo de animación sociocultural".
Asi o expresou a alcaldesa María Loureiro, que criticou a decisión da Xunta de eliminar a figura dos animadores e animadoras dos Espazos Xoves e os postos de traballo correspondentes.
Viveiro alberga un dos once espazos xoves existentes en Galicia, polo que contaba ata o de agora cun destes postos de animación sociocultural. O Concello solicitou xa unha reunión co conselleiro e a directora xeral de Xuventude para tratar o tema.
"O Espazo Xove de Viveiro estaba por fin despuntando e convertíndose nunha referencia para a mocidade do municipio despois dunha etapa de menor actividade, pero esta perda supón un duro golpe ao espazo", destaca a alcaldesa María Loureiro.
"É un local ao que acuden nenos e nenas a partir de 12 anos, que conta cun persoal moi valioso que está facendo un montón de actividades, pero agora a Xunta quere recortalo", lamenta.
A rexedora explica que "o argumento que utilizan para é o da falta de presuposto, pero o que supón nos presupostos da Xunta de Galicia eliminar estes postos é mínimo en relación ao servizo que se estaba prestando".
"Entendemos que hai que priorizar a xuventude, hai que priorizar este tipo de investimentos, non podemos permitir que a xente nova perda un local de referencia", engadiu.
Pola súa banda, a Concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega, apunta que "a rapazada que forma parte do Grupo de Participación Xuvenil tamén transmitiu ao Concello a súa desilusión pola perda das actividades que viña organizando este servizo".
"Queremos amosar a nosa total indignación pola perda do servizo, que ademais fará que o Espazo Xove peche os sábados, polas tardes no verán e durante todo o período de nadal, cando antes abría grazas ao mesmo", indica a concelleira.
"O inverno aquí é moi longo, chove moitas veces, e este local era unha referencia durante este período", afirma Fernández. "Nalgunhas actividades das que facían nas fins de semana chegáronse a xuntar un centenar de rapazas e rapaces", subliñou.
Das actividades anteriormente realizadas polo servizo de animación sociocultural só quedará o xadrez. Pérdense deste xeito actividades de baile, cociña, informática, técnicas de estudo, xogos de mesa, manualidades ou procura de emprego.
Este recorte súmase á perda da cancha deportiva adxunta ao Espazo Xove, cuxo uso foi prohibido pola Xunta de Galicia por mor dunhas obras nun edificio adxacente.
O Goberno municipal vai a presentar un escrito para instar á Xunta de Galicia a que se manteña este servizo, que será presentado para o seu debate no vindeiro pleno.
Saúdos, Comunicación Concello de Viveiro