19
Xuño
MERCADO RENACENTISTA 2024
O CONCELLO DE VIVEIRO INFORMA DOS TRÁMITES RELACIONADOS CO MERCADO RENACENTISTA, COMO O PRÉSTAMO DE MESAS
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, anima “a participar nesta xa tradicional festa, que é unha das citas máis destacadas do verán viveirense”
Viveiro, 19 de xuño de 2024. O Mercado Renacentista de Viveiro terá lugar do 4 ao 7 de xullo de 2024. O Concello de Viveiro informa sobre os trámites relacionados coa feira, como o préstamo de mesas e cadeiras, solicitudes de postos de artesanía e de colocación de mesas para ceas e comidas na rúa.
Trátase dunha programación que ten como obxectivo ambientar a vila con actividades culturais e musicais. A alcaldesa María Loureiro anima “a participar nesta xa tradicional festa, que é unha das citas máis destacadas do verán viveirense”.
Con respecto á celebración de comidas e ceas na rúa durante a xornada do sábado, atendendo á gran demanda de material dos últimos anos, o préstamo de mesas e cadeiras será unicamente para particulares.
Para o préstamo de material, é preciso que se presente unha solicitude por escrito no rexistro municipal do concello, indicando o material solicitado, a ubicación na que se vai colocar a mesa e o número de participantes, debendo axuntar un plano ou esbozo do espazo solicitado, así como os metros a ocupar.
Os locais de hostalería que desexen organizar comidas e ceas na rúa, tamén deben presentar un escrito no rexistro municipal, indicando a ubicación na que se vai colocar a mesa e o número de participantes, debendo axuntar plano ou croquis do espazo solicitado, así como os metros a ocupar.
Tendo en conta a ubicación dos postos de artesanía, alimentación e restauración, non se poderán colocar mesas para comidas nas rúas Teodoro de Quirós, Atrio de Santa María, Irmáns Vilar Ponte ata a súa intersección con Constanza de Castro e a propia rúa Constanza de Castro.
As solicitudes para a colocación de mesas e préstamo de material poderán ser presentadas entre o luns 24 de xuño e o venres 28 de xuño de 2024. O material prestado deberá recollerse e entregarse no lugar, data e hora que se lles será comunicado con antelación.
Traballos de artesanía
As persoas empadroadas no Concello de Viveiro que realicen traballos de artesanía e que queiran instalar un posto de venda na feira deberán presentar tamén unha solicitude no rexistro municipal entre o 24 e o 28 de xuño de 2024.
En dita solicitude, farán constar os produtos que se pretende ofrecer, acompañando a solicitude dunha declaración xurada conforme dispoñen de todos os permisos necesarios para realizar a actividade.
O modelo desta declaración será facilitado na casa do Concello, e a instalación destes postos será gratuíta. A xestión para a instalación destes postos levarase a cabo por parte da empresa contratada para a organización do evento, debendo pola súa parte aterse ás normas e horarios da feira.
Saúdos, Comunicación Concello de Viveiro