LICITACIÓN PÚBLICA POSTOS PRAZA DE ABASTOS

LICITACIÓN PÚBLICA POSTOS PRAZA DE ABASTOS

A TENENCIA DE ALCALDÍA DE VIVEIRO ANUNCIA A LICITACIÓN PÚBLICA PARA A CONCESIÓN DE VARIOS POSTOS DA PRAZA DE ABASTOS

--Iria Cotelo, concelleira de Mercado, sinala que isto busca promover "a revitalización do mercado ata que se poidan acometer as obras de remodelación"

--Haberá un total de nove postos dispoñibles para a súa concesión de uso privativo, que se poderán visitar contactando previamente co Concello

Viveiro, 18 de novembro de 2024. A Tenencia de Alcaldía de Viveiro anuncia a licitación pública para a concesión de varios postos no mercado municipal da Praza de Abastos.

A concelleira de Mercado e Comercio, Iria Cotelo, sinala que esta licitación especial busca “darlle uso ao espazo, actualmente con moitos postos baleiros, e dinamizalo mentres se espera á remodelación da praza”.

“As persoas interesadas na concesión poderán visitar in situ os postos dispoñibles, coñecer as súas características e aclarar posibles dúbidas sobre o procedemento de licitación”, destaca Cotelo.

Para isto será necesario poñerse en contacto co Concello no número de teléfono 982 560 128 ou co Departamento de Contratación do Concello. Haberá un total de nove postos dispoñibles para a súa concesión de uso privativo.

A superficie dos postos oscila entre os 6,50 metros cadrados do posto número 1 aos 28,55 metros cadrados dos postos 7/9. De xeito acorde, o canon a pagar polo seu uso está entre os 31,07€ e os 65,09€ mensuais, ou entre os 177,84€ e os 781,08€ anuais.

Posto 1: 6,50 m²

Posto 2: 11,94 m²

Posto 3: 7,15 m²

Posto 4: 12,82 m²

Posto 6: 7,15 m²

Postos 7/9: 28,55 m² cada un

Posto 12: 15,70 m²

O canon anual por metro cadrado está establecido en 4,78€, cunha bonificación especial debido ao carácter excepcional desta licitación. O importe poderá ser mellorado á alza por cada licitador, quen abonará o canon de forma mensual.

A concesión terá un prazo inicial dun ano, prorrogable por outro ano, sempre que non se inicien as obras de remodelación do mercado. Permitirase a venda directa de calquera tipo de produto, sempre e cando se realice atención directa ao público desde o propio posto.

A adxudicación realizarase mediante procedemento aberto, cun único criterio de valoración: a oferta económica máis vantaxosa.

Unha vez o anuncio sexa publicado no Boletín Oficial da Provincia de Lugo, como ocorrerá previsiblemente a partir da vindeira semana, as persoas interesadas terán 30 días hábiles para presentar as súas propostas a través da Plataforma de Contratación do Sector Público.

A concelleira de Mercados subliña que a licitación "busca reverter a situación actual de inactividade no mercado, sendo unha oportunidade para darlle nova vida á praza".

"Deste xeito promóverase o uso do mercado ata que se poidan acometer as obras de remodelación que se están a proxectar neste emblemático espazo do municipio".

 

Saúdos, Comunicación Concello de Viveiro

 

Uso de cookies
Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies

continuar