
04
Decembro
INAUGURACIÓN DO BELÉN E AS LUCES DE NADAL
O CONCELLO DE VIVEIRO INAUGURA O BELÉN E AS LUCES DE NADAL O MARTES 5
Viveiro, 2 de decembro de 2023. O Concello de Viveiro inaugura o vindeiro martes día 5 de decembro o belén a tamaño real Viveiro Ante o Berce e mais as luces de nadal, dando así o pistoletazo de saída ao nadal na vila.
A alcaldesa María Loureiro explica que “Viveiro foi un Concello pioneiro en acender o alumeado coincidindo coa ponte de decembro, coa intención de alongar a campaña de nadal e favorecer así ao comercio e ao sector servizos”.
Ademais deste acendido das luces, inaugurase tamén o propio día 5 o belén Viveiro Ante o Berce, organizado polo Concello de Viveiro e financiado pola Deputación de Lugo a través dun convenio.
A concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega, sinala que este belén é “un referente a nivel galego, e como tal atrae a moitísima xente de toda Galicia que vén a Viveiro para velo, contribuíndo así tamén á dinamización do sector servizos”.
Con motivo desta instalación, ubicada como todos os anos nas inmediacións do atrio de Santa María, vaise ofrecer unha chocolatada gratuita para todos os asistentes.
O acto será ás 18:00 da tarde, e contará tamén coa actuación da rapazada do coro do CEP Lois Tobío, dirixido por Iván Vale, que colabora coa inauguración do belén de xeito altruista.
Saúdos, Comunicación Concello de Viveiro