20
Novembro
GAÑADOR VI PREMIO NOVELA VILAR PONTE
XAVIER QUEIPO GAÑA O VI PREMIO DE NOVELA VILAR PONTE DO CONCELLO DE VIVEIRO COA OBRA TAMARINDO
A entrega de premios será o vindeiro venres 13 de decembro no Teatro Pastor Díaz de Viveiro ás 20:30 horas.
Viveiro, 20 de novembro de 2024. O escritor Xavier Queipo é o gañador do VI Premio de Novela Vilar Ponte, convocado polo Concello de Viveiro, coa súa obra Tamarindo.
Unha novela que destacou por unanimidade do xurado “pola súa habilidade para transportar ao lector a unha illa afastada do Caribe, onde o protagonista, afectado por amnesia parcial, loita contra ameazas escuras nunha trama envolvente e fascinante. Cun estilo esmerado, unha ambientación cosmopolita e unha excelente caracterización de personaxes, Tamarindo reafirma o talento narrativo de Queipo".
Segundo a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, "este premio é unha mostra do compromiso do noso concello coa cultura galega e co apoio ao talento literario. Tamarindo e O Terceiro Desexo son exemplos do poder creativo que caracteriza as nosas letras".
O xurado do certame estivo composto por Carlos Nuevo Cal, cronista oficial de Viveiro, profesor e historiador; Rosalía Morlán Vieites, escritora, e Armando Requeixo Cuba, investigador, profesor e crítico literario, actuando como secretaria con voz e sen voto M. Rosario San Isidro Franco.
Como obra finalista foi seleccionada O Terceiro Desexo, de Lionel Rexes, unha novela que combina amores convulsos, o universo dos artistas alternativos e as maquinacións de poderosos na sombra nunha trama chea de sorpresas e personaxes singulares. O xurado destacou “a sólida estrutura e a forza narrativa dun autor de gran oficio”.
O acto de entrega do premio terá lugar o venres 13 de decembro de 2024, ás 20:30 horas no Teatro Pastor Díaz de Viveiro. Estará conducido pola xornalista Alba Porral Quintillán e contará coa actuación do Sexteto de Corda do CMUS de Viveiro.
Saúdos, Comunicación Concello de Viveiro