
01
Decembro
FEIRA SPORTUR GALICIA
O CONCELLO DE VIVEIRO PARTICIPA NA FEIRA SPORTUR GALICIA
Viveiro, 30 de novembro de 2023. O concello de Viveiro participa cun posto propio nunha nova edición da feira Sportur Galicia, que se celebra na cidade de Ourense. O evento deu comezo no día de hoxe, xoves 30 de novembro, e rematará mañá, venres 1 de decembro.
Neste VI Salón de Deporte e Turismo Activo, ubicado no recinto Expourense, o Concello de Viveiro pretende, un ano máis, dar a coñecer os recursos que ofrece no relativo a este tipo de turismo.
María Soledad Rey Yáñez, concelleira de Turismo en Viveiro, destaca que o municipio “cobra cada vez máis importancia nesta cita anual, un evento fundamental para continuar espallando o atractivo turístico de Viveiro en todos os ámbitos posibles”.
Tamén participa cun posto propio neste evento a empresa viveirense RoqSport, que xestiona o parque de aventura Roq Park no Monte de San Roque. “Convidamos a todas as empresas do sector asentadas no municipio a facer parte destas iniciativas, nas que se da a coñecer a diversa oferta da que dispoñemos”, apunta Rey Yáñez.
O VI Salón de Deporte e Turismo Activo Sportur Galicia conta con numerosas actividades para todos os públicos dirixidas tanto a deportistas profesionais como a afeccionados ou principiantes, e está a ter unha repercusión crecente no ámbito turístico galego.
Comunicación Concello de Viveiro