![ENTREGA DE CARNÉS ÁS PERSOAS COLABORADORAS](https://www.viveiro.es/backoffice/images/original/viveiro-5-feb-colonias-felinas-zaaefqeaecgzog.jpeg)
05
Febreiro
ENTREGA DE CARNÉS ÁS PERSOAS COLABORADORAS
A TENENCIA DE ALCALDÍA DE VIVEIRO ENTREGA OS CARNÉS ÁS PERSOAS COLABORADORAS NO COIDADO DAS COLONIAS FELINAS
Viveiro, 5 de febreiro de 2025. A tenenta de alcaldesa de Viveiro, Míriam Bermúdez, fai entrega hoxe dos seus carnés ás 28 persoas colaboradoras autorizadas para a atención e coidado das colonias felinas do municipio.
No ano 2024 esterilizáronse 63 animais como parte desta iniciativa, encadrada no marco do programa municipal de control e benestar animal mediante o método CER, Captura, Esterilización e Retorno.
Os carnés acreditan a participación no programa, que en palabras de Bermúdez é "fundamental para o coidado responsable destes animais, así como para o control da súa poboación mediante métodos éticos e respectuosos". "Ademais, a súa labor contribúe á prevención de pragas e á mellora da limpeza e hixiene nos espazos públicos", engade.
A tenenta de alcaldesa quixo agradecer "o compromiso e dedicación destas persoas colaboradoras, cuxa implicación resulta clave para garantir o éxito deste proxecto e asegurar unhas condicións axeitadas para as colonias felinas e para a veciñanza".
Por outra banda, dende a Tenencia de Alcaldía lémbrase que a alimentación de calquera animal na vía pública sen autorización está prohibida segundo a Lei de convivencia, limpeza e residuos, podendo derivar en sancións para aquelas persoas que incumpran esta normativa.
Todas as persoas interesadas en colaborar no coidado das colonias felinas deben poñerse en contacto co Concello de Viveiro para recibir as instrucións necesarias e obter a correspondente acreditación.
O programa desenvólvese en colaboración coa asociación Colonias Rueiras, entidade que ten asinado un convenio co Concello de Viveiro para a xestión e control das colonias. Para máis información, as persoas interesadas poden dirixirse ás dependencias municipais ou contactar coa área de Medio Ambiente.
"Animamos á veciñanza a colaborar coa asociación Colonias Rueiras, coa que se pode contactar a través das súas redes sociais", apuntou Bermúdez. "Desde a Tenencia de Alcaldía, seguimos traballando para compatibilizar o benestar animal co mantemento da limpeza e salubridade no noso concello", concluíu.
Saúdos, Comunicación Concello de Viveiro