![CARTEL ENTROIDO 2025](https://www.viveiro.es/backoffice/images/original/imagen-de-whatsapp-2025-02-10-a-las-12-zcameaeaecgzmf.02.45_14777e7c.jpg)
10
Febreiro
CARTEL ENTROIDO 2025
O CONCELLO DE VIVEIRO PRESENTA O CARTEL DO SEU ENTROIDO 2025, "UNHA HOMENAXE Á SÚA HISTORIA E TRADICIÓN"
Viveiro, 10 de febreiro de 2025. O Concello de Viveiro presenta o cartel do Entroido 2025, unha obra que pretende render homenaxe á historia e tradición desta celebración local.
Cun deseño baseado en imaxes retrospectivas, o cartel reflicte a esencia dun carnaval con profundas raíces na comunidade e na memoria colectiva da vila.
A concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega, destacou o valor simbólico desta proposta: "É un cartel con imaxes rescatas do noso archivo, o que quere dicir que o noso carnaval ten moitísima historia. Unha historia que fixeron persoas en épocas complicadas, que saían e se disfrazaban, e iso fainos ser un carnaval con moita solera".
O Entroido de Viveiro caracterízase pola súa singularidade e compoñente de humor. En palabras da concelleira, "o carnaval de Viveiro sempre foi un carnaval diferente, particular e cargado de humor, e encantaríanos que así seguira sendo".
A programación incluirá diversos eventos para todos os públicos, cun desfile programado para o martes de entroido. "Axiña sacaremos a programación, pero mentres tanto deixamos á xente desfrutar, buscarse e atopar aos seus seres queridos, e incluso a eles mesmos neste cartel tan bonito", engadiu Fernández-Noriega.
Pola súa banda, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, amosouse convencida de que "o Entroido de Viveiro será todo un éxito un ano máis, polo que animamos a veciñanza e visitantes a desfrutar das festas connosco".
As imaxes do cartel foron cedidas por África Jiménez e Carlos Fotógrafos, cuxos arquivos fotográficos forman parte do patrimonio visual da vila. Grazas a esta contribución, foi posible recuperar momentos significativos do carnaval de Viveiro e plasmalos neste novo cartel.
Saúdos, Comunicación Concello de Viveiro