CAMIÑO NORDÉS

CAMIÑO NORDÉS

O CONCELLO DE VIVEIRO ACOLLE MAÑÁ A SAÍDA DA RUTA ENTRE VIVEIRO E OUROL ENMARCADA NO CAMIÑO NORDÉS

Viveiro, 16 de setembro de 2022. O Concello de Viveiro será mañá o punto de saída da ruta organizada entre a vila e Ourol, enmarcada no Camiño Nordés (Viveiro a VIlalba).

 

Hai un total de 87 inscritos, dos que aproximadamente 20 farán a ruta a cabalo. Está previsto que os alcaldes, alcaldesas e representantes dos concellos polos que discorre a ruta estean presentes na saída.

 

No comezo do percorrido, na entrada da Ponte de FEVE, púxose unha placa como inicio desta ruta.

 

Partirán ás 10:00 horas dende a explanada da Variante. Os camiñantes farán a ruta polo paseo fluvial ata Portochao e logo subirán á Rúanova, en Magazos. Os cabaleiros sairán do mesmo punto e irán pola estrada LU-540 ata a Rúanova.

 

Dende alí, estes últimos irán cara a Galdo, para acceder ao Malló, Cruz do Pousadoiro e, dende alí, cruzar para chegar ao Campo de Fútbol de Ourol. Pola súa banda, os camiñantes, dende a Rúanova baixarán cara a Landrove para atravesar o río Landro pola ponte vella, ir ao Cristo, Toxeiras, para cruzar no camiño que sube ata a Redoada; dende alí continuarán cara a Vilares e Merille, para rematar tamén no Campo de Fútbol de Ourol.

 

Este ruta do Camiño Nordés ten un total de 12 quilómetros e un percorrido de dificultade media-baixa. O Concello de Viveiro entregará a todos os participantes nesta ruta unha mochila con froita e auga para o recorrido, así como unha credencial acreditativa deste tramo.

 

Aqueles participantes que queiran levar a primeira hora o coche ata Ourol, para deixalo nas inmediacións do Concello, terán á súa disposición un autobús para vir dende alí ata o punto de partida con saída dende Ourol ás 9:30 horas.

 

Asemade, unha vez rematada a andaina, sobre as 13:15 horas, outro autobús sairá dende o Campo de Fútbol de Ourol para regresar a Viveiro.

 

Con motivo desta ruta, realizarase un xantar campestre en San Antonio da Xestosa, para o que era preciso anotarse previamente. Neste caso, o desprazamento, unha vez finalizado o xantar, será polos seus propios medios.

 

Nesta ruta, que se está intentando potenciar, están inmersos os concellos de Viveiro, Ourol, Muras, Xermade e Vilalba. A idea partiu da Asociación Camiño Real, de Muras, coa colaboración da Asociación Cultural Roteiros da Carba e Amigos dos Cabalos de Muras, indicando que xa se teñen realizado os restantes tramos entre Ourol e Muras, Muras e Pepa a Loba, e Pepa a Loba e Vilalba.

 

Saúdos, Comunicación do Concello de Viveiro

Uso de cookies
Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies

continuar