
30
Setembro
AS OBRAS DA RÚA REGO DAS FRORES REMATARÁN, PREVISIBLEMENTE, AO LONGO DA PRÓXIMA SEMANA
O Concello prevé que a próxima semana rematen as obras e que se poida abrir ao tráfico rodado e peonil a rúa Rego das Frores, na que se realizaron as actuacións necesarias para a reposición do pavimento, a restitución de parte dos servizos urbanos e a súa mellora medioambiental.
Cun presuposto de contrata de 104.753,63 euros, o obxectivo do proxecto levado a cabo era a pavimentación integral do vial Rego da Frores, a mellora de determinados servizos urbanos, a reestruturación integral do mesmo, así como a dotación de beirarrúas onde non existían e a remodelación das existentes para garantir funcionalidade, accesibilidade, aforro enerxético e mellora da calidade visual e urbana do entorno.
Con respecto ao pavimento, eliminouse o que había, formado por lousa de formigón, por outro de aglomerado asfáltico para as zonas de tráfico rodado, con beirarrúas de granito.
A rede de saneamento, aínda que se encontraba en bo estado de conservación, modificouse para independizala da rede de pluviais. Con respecto ao abastecemento de auga fíxose necesario reforzar determinadas zonas da instalación co obxectivo de garantir o subministro en perfectas condicións de uso e presión.
O alumeado público restituise en parte, soterrando o cableado e colocando de forma harmónica novas luminarias ao longo do vial, intentando que con menor potencia e menor consumo desenvolvan mellor rendemento lumínico.
Outro dos obxectivos cumpridos coas obras executadas foi a accesibilidade e a mellora ambiental do entorno. A rúa Rego das Frores é un dos viais principais de acceso e saída do casco e unha das súas zonas máis emblemáticas.
A día de hoxe quedan pendentes algúns retoques, como o pintado, que se prevén finalizar a próxima semana sempre que o tempo o permita.
Viveiro, 30 de setembro de 2016.
A alcaldesa
María Loureiro García