
20
Xullo
ADQUISICIÓN DE DÚAS BIOTRITURADORAS
DÚAS NOVAS BIOTRITURADORAS MELLORARÁN O SERVIZO DE XARDINERÍA E O PUNTO LIMPO DE VIVEIRO
Os veciños poderán levar os restos de podas
Viveiro, 20 de xullo de 2024. Dúas novas biotrituradoras servirán para mellorar os traballos de xardinería do persoal municipal e a xestión de certo tipo de residuos no punto limpo do Concello de Viveiro.
Estas biotrituradoras serven para triturar os restos leñosos procedentes de podas ou desbroces: ramas de árbores, viñas, arbustos ornamentais ou restos de xardinería.
O material resultante é ideal para os composteiros, mesturado con restos orgánicos, e tamén pode utilizarse para protexer as raíces doutros árbores.
“Unha delas estará ubicada no punto limpo, para o que licitaremos en breve unha obra de mellora que inclúe a xestión de biomasa, e así os veciños poderán ir ali a depositar os restos de poda”, explica Míriam Bermúdez, tenenta de alcaldesa e responsable da área de Medio Ambiente.
“A outra estará coa brigada de parques e xardíns para facer máis eficiente e sostible o seu traballo, evitando os acopios”, engade.
O concello conseguiu para as biotrituradoras unha subvención financiada con fondos europeos Next Generation, dirixida ás entidades locais galegas para o financiamento de actuacións municipais en materia de biorresiduos.
Saúdos, Comunicación Concello de Viveiro