12
Xaneiro
TOPONIMIZATE
O CONCELLO DE VIVEIRO ACOLLERÁ O VINDEIRO VENRES UNHA ACTIVIDADE DA REDE DE DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA CHAMADA TOPONIMÍZATE
Viveiro acollerá o vindeiro venres, ás 18:30 horas, na sala multiusos da casa do concello, a actividade Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, un novo programa de promoción da lingua galega para concellos pertenentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) que toma como base a toponimia de Galicia. A toponimia é a disciplina que estuda os topónimos ou nomes propios de lugar: os das aldeas e parroquias, os dos ríos e leiras, os dos penedos e fontes. Constitúe un aspecto fundamental do noso patrimonio que liga a lingua propia coa xeografía, a historia ou a arqueoloxía de noso.
Viveiro, e mais outros catorce concellos galegos pertencentes á RDL, acollerán unha conferencia a cargo do filólogo Vicente Feijoo, especialista en toponimia e membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega. Nelas falarase de toponimia galega (os motivos da abundancia de nomes de lugar no país, a toponimia galega como patrimonio inmaterial...) e tamén da propia de cada concello (significado dos nomes das parroquias e das aldeas; como consultar a toponimia xeorreferenciada de cada municipio no Buscador de topónimos; utilidades desta ferramenta...). Ademais, nos concellos que teñan sen recoller a súa microtoponimia -é dicir, os nomes de leiras, camiños, fontes, penedos...- mostrarase unha aplicación que lle permitirá á veciñanza colaborar para rexistrar e subir á rede tanto os microtopónimos como as lendas a eles asociadas, de xeito que todos e todas poidan colaborar na salvagarda deste patrimonio inmaterial que é o noso orgullo.
Os obxectivos deste programa son múltiples e atinguen tanto á veciñanza coma aos técnicos municipais:
-
Achegarlle á cidadanía de cada concello valiosa información sobre a historia do galego falado na súa contorna e sobre os modos de vida dos seus antepasados, os feitos históricos que foron relevantes para eles e as características da paisaxe no momento en que se bautizou cada anaco da súa terra ou cada braza do seu mar. Porque en Galicia todo está nomeado e cada nome ten unha historia que contar, un anaco de historia local que non figura nos libros e que aos veciños e veciñas lles gustará coñecer.
-
Fornecer os técnicos municipais das ferramentas necesarias que lles faciliten a tramitación de expedientes relacionados coa planificación e xestión do territorio do termo municipal, nos que deben empregar os topónimos normalizados, así como a posta en valor e promoción turística da paisaxe e dos elementos do patrimonio material e inmaterial que posúen.
-
Fomentar o uso da lingua galega entre a xente máis nova, pois promoverase que sexa esta a lingua en que interactuen cos seus avós e veciños para preguntarlles polos nomes de lugares e as lendas a eles asociados. Tamén empregarán o galego coas novas tecnoloxías para subir toda esa información a internet. Os topónimos naceron en galego e así deben usarse, tal como se manifesta no artigo 10 da Lei 3/1983 de normalización lingüística.
-
Fomentar a presenza do galego nas tecnoloxías da información e da comunicación. A toponimia moderniza a nosa lingua, porque a imos traballar cunha APP que presentará as últimas novidades en sistemas de información xeográfica e porque abriremos unha ventá ao mundo a través de internet para dar a coñecer a singularidades de cada concello.
-
Xerar dinámicas de traballo que promovan as relacións entre a sociedade, entre as asociacións veciñais e culturais e as administracións. Trátase de buscar a participación de toda a comunidade nun proxecto cultural común, facendo un traballo cooperativo entre varias xeracións, poñendo en valor a sabedoría dos máis vellos, a intrahistoria de cada concello e a conservación do patrimonio inmaterial (tradicións, folclore, coplas, lendas... asociadas aos topónimos). Isto creará un sentimento de identidade colectiva compartida e de continuidade.
Dende o Concello de Viveiro considérase que esta é unha actividade especialmente interesante, aberta ao público en xeral, e convida a veciños, centros educativos, asociacións veciñais e culturais, etc. a participar.
Viveiro, na data que figura á marxe
A alcaldesa
María Loureiro García