28
Agosto
RECORDATORIO DO HORARIO DE VEHÍCULOS NA ZONA VELLA
O CONCELLO DE VIVEIRO LEMBRA A IMPORTANCIA DE RESPECTAR OS HORARIOS DE CIRCULACIÓN DE VEHÍCULOS NA ZONA VELLA
Viveiro, 28 de agosto de 2024. O Concello de Viveiro lembra á veciñanza a importancia de respectar os horarios de circulación de vehículos na zona vella do municipio.
O Concello dispón dunha Ordenanza de regulación da circulación na zona coa fin de restrinxir ao máximo o tráfico rodado excepto no caso dos vehículos autorizados, como os das forzas e corpos de seguridade, ambulancias, bombeiros, protección civil ou vehículos sanitarios e funerarios.
Esta ordenanza ten o obxectivo de favorecer a convivencia e preservar a zona monumental. O Concello concederá autorizacións adicionais para circular, previa solicitude, se se cumpren unha serie de supostos.
Poderán optar a esta autorización as persoas usuarias de garaxes, titulares de establecementos comerciais con horario de carga e descarga de 9:00 a 12:00 os dias laborais ou os servizos de distribución e reparto no mesmo horario.
Os servizos de distribución de pastelaría e panadaría poderán ter un horario ampliado de 7:00 a 22:00 de luns a venres. No caso do mercado semanal, o horario de entrada será de 7:00 a 9:00, e o de saída, de 13:00 a 15:00.
Tamén poderán optar a autorización as persoas con mobilidade reducida residentes ou traballadoras na zona, as persoas residentes con horario de entrada os luns de 9:00 a 12:00 e os venres de 15:00 a 17:00, os servizos de reparto de comida e menciñas de 9:00 a 22:00 e o persoal de obras de 8:00 a 20:00.
Finalmente, poderán expedirse autorizacións concretas para eventos, celebracións e outras situacións extraordinarias non incluídas nos supostos anteriormente mencionados polo tempo que fose necesario
Dende o Concello lémbrase que, aínda que non haxa agora mesmo persoal en activo na Policía Local de Viveiro, segue habendo vixiantes que fan un control dos accesos á zona monumental para facer cumprir esta ordenanza.
Saúdos, Comunicación Concello de Viveiro