14
Xuño
O CONCELLO DE VIVEIRO INFORMA DO COMEZO DO PRAZO DE INSCRICIÓN NO CAMPAMENTO URBANO DE VERÁN
“Este ano cunha iniciativa novidosa, unha bolsa de 60 horas para familias que necesiten un recurso de coidado de xeito puntual por algunha necesidade”, explica a alcaldesa, María Loureiro.
Viveiro, 12 de xuño de 2024. O Concello de Viveiro informa de que o próximo luns, 17 de xuño, ábrese o prazo para inscribirse no Programa Corresponsables Campamento Urbano de Verán 2024, que se desenvolverá dende o 1 de xullo ao 30 de agosto.
As bases de selección e o modelo de solicitude xa están publicadas no taboleiro de anuncios dixital e na paxina web do concello, así como nas dependencias municipais: https://viveiro.sedelectronica.es/board
O prazo para a presentación de solicitudes remata o 21 de xuño, sendo preferible facelo pola sede electrónica, aínda que tamén poderán presentarse presencialmente no Rexistro do Concello, onde se facilitarán os modelos de solicitude.
O campamento de verán está destinado a nenos e nenas nados entre os anos 2008 e 2020, ambos incluídos, e realizarase no pavillón do CEP Lois Tobío, de luns a venres, en horario de 08:30 a 14:30 horas con entrada flexible ata as 10:00 horas.
Ofértanse un total de 100 prazas co compromiso de garantir un espazo de lecer e favorecer a conciliación familiar nestes meses estivais, ofrecendo a posibilidade de participar os dous meses de duración do mesmo, ou por quincenas co obxectivo de dar maior flexibilidade ás familias.
A principal novidade deste ano é a posta en marcha dunha bolsa de 60 horas de coidado profesional para menores ata 16 anos, facilitando a familias que por temas laborais, administrativos, ou médicos, necesiten un recurso de coidado de xeito puntual, no que terán prioridade as familias monoparentais, vítimas de violencia de xénero, mulleres en situación de desemprego de longa duración, mulleres maiores de 45 anos e unidades familiares con outras cargas relacionadas cos coidados.
Coa posta en marcha desta iniciativa novedosa búscase ampliar a oferta de conciliación ofrecida dende o Concello, así como explorar esta experiencia piloto de cara a implementala ao longo de todo o ano.
Saúdos, Comunicación Concello de Viveiro