NOVA ORDENANZA DE CONVIVENCIA, LIMPEZA E RESIDUOS

NOVA ORDENANZA DE CONVIVENCIA, LIMPEZA E RESIDUOS

A CONCELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE DE VIVEIRO PRESENTA A NOVA ORDENANZA DE CONVIVENCIA, LIMPEZA E RESIDUOS PARA A SÚA APROBACIÓN EN SETEMBRO

Viveiro, 13 de agosto de 2024. A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Viveiro, liderada por Míriam Bermúdez, anuncia que o texto definitivo da nova Ordenanza Municipal de Convivencia, Limpeza e Residuos xa está listo para ser levado a pleno no próximo mes de setembro.

Esta ordenanza, elaborada co obxectivo de mellorar a calidade de vida e o benestar dos veciños, aborda de maneira exhaustiva diferentes aspectos que afectan ao día a día no municipio.

"Con esta nova ordenanza, queremos establecer unhas bases sólidas para garantir a limpeza e o respecto polo noso entorno, promovendo unha convivencia máis harmoniosa e respectuosa en Viveiro", afirma Míriam Bermúdez, concelleira de Medio Ambiente.

Entre os puntos máis destacados que regula esta nova normativa inclúese a obrigatoriedade dos propietarios de cans de recoller os excrementos das súas mascotas en espazos públicos. Esta medida, que responde a unha demanda social crecente, busca garantir un entorno máis limpo e hixiénico para todos.

Ademais, os locais con terrazas en vía pública estarán obrigados a manter limpas as súas áreas, debendo varrer as terrazas ao final de cada xornada. Este requisito pretende evitar a acumulación de lixo e restos que poidan prexudicar a imaxe e o ambiente do municipio.

Outro aspecto relevante é a regulación do abandono de enseres na vía pública. A ordenanza establece a obrigación de notificar previamente ao Concello para a recollida de mobles e outros obxectos voluminosos. Esta disposición busca combater o depósito incontrolado de residuos e fomentar unha correcta xestión dos mesmos.

A loita contra o vandalismo tamén ocupa un lugar central nesta nova normativa. Prohíbense expresamente as pintadas e calquera tipo de dano ao mobiliario urbano, co fin de preservar os espazos públicos e garantir un entorno agradable para todos os cidadáns.

En relación co réxime sancionador, a nova ordenanza introduce un sistema de multas para aqueles que incumpran as normativas establecidas. As infraccións leves serán sancionadas cunha multa de 50 ata 750 euros, as infraccións graves con multas que irán de 751 a 1.500 euros, e as infraccións moi graves poderán acadar sancións de 1.501 a 3.000 euros. "Estas sancións non son un fin en si mesmas, senón un medio para garantir que todos contribuímos ao coidado do noso municipio," engadiu Bermúdez.

A nova ordenanza representa un paso firme cara a unha convivencia máis harmoniosa e respectuosa en Viveiro, coa mirada posta na preservación do medio ambiente e na mellora da calidade de vida dos veciños. O texto será debatido e, previsiblemente, aprobado no pleno do mes de setembro, tras o cal entrará en vigor.

 

Saúdos, Comunicación Concello de Viveiro


 

Uso de cookies
Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies

continuar