MODERNIZACIÓN DA PRAZA DE ABASTOS

MODERNIZACIÓN DA PRAZA DE ABASTOS

A NOVA ‘PRAZA DA PESCADERÍA’ DE VIVEIRO PRIORIZARÁ A VENDA DE PEIXE CUNHA MODERNIZACIÓN PARA SER UN REFERENTE DA ECONOMÍA LOCAL

Viveiro, 15 de novembro de 2024. A Tenencia de Alcaldía, a través da Concellería de Comercio, que dirixe Iria Cotelo, comunica que o Concello de Viveiro vén de recibir unha subvención fundamental para a modernización da Praza de Abastos, reforzando así o seu compromiso co impulso económico e comercial da vila.

Este proxecto, que se inicia tras un minucioso estudo de actividades e usos do mercado e un anteproxecto xa completado, ten como resultado a creación da nova ‘Praza da Pescadería’. Esta proposta foi presentada recentemente ás e aos praceiros, garantindo un proceso participativo e transparente.

O proxecto de mellora das instalacións prioriza a venda de peixe, destacando non só pola súa presenza maioritaria na praza, senón tamén pola súa recoñecida calidade e diversidade. “Na nosa praza atopamos o que outras non teñen”, destaca a concelleira Iria Cotelo, subliñando a importancia de valorizar e potenciar este recurso local.

Entre as melloras propostas, destaca a introdución de novas posibilidades para a venda, como bancadas móbiles, ideais para ofrecer produtos da horta ou mel, e postos itinerantes e temporais que achegarán maior dinamismo e diversidade á oferta.

Ademais, o proxecto contempla a incorporación de dous postos fixos e un espazo de restauración onde se poderán degustar os produtos frescos da praza, atraendo tanto á veciñanza como ás persoas visitantes.

Esta iniciativa forma parte da estratexia de revitalización e modernización do tecido comercial de Viveiro, que busca adaptarse ás novas tendencias e necesidades, mantendo ao mesmo tempo a esencia e a tradición do mercado local.

O goberno local segue traballando para materializar estas melloras e consolidar a Praza da Pescadería como un punto de referencia para a economía local e un símbolo de calidade e innovación.

A subvención concedida ao Concello de Viveiro para a renovación da Praza de Abastos, enmarcada na Orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, ascende a un total de 16.320 euros, o que representa o 80% do investimento subvencionable de 20.400 euros.

Esta axuda cubre diferentes fases do proxecto, como o mentoring (1.920 euros), a diagnose da situación e usos do mercado (8.000 euros), e a documentación técnica para a obtención do distintivo de mercado excelente (6.400 euros).

 

Saúdos, Comunicación Concello de Viveiro

 

Uso de cookies
Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies

continuar