25
Xuño
IMPACTO INTERNACIONAL DO RESURRECTION FEST
MARÍA LOUREIRO DESTACA “O IMPACTO DO RESURRECTION FEST, UN EVENTO INTERNACIONAL QUE LEVA O NOME DE VIVEIRO POLO MUNDO”
Viveiro, 24 de xuño de 2024. A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, destacou hoxe na presentación do Resurrection Fest “o impacto internacional deste evento, que leva o nome da nosa vila por todo o mundo”.
Loureiro participou na presentación do festival, nunha rolda de prensa xunto á deputada provincial Carmela López; Xosé Merelles, director de Turismo de Galicia, Iván Méndez e David Méndez, en representación da organización.
“Como acostumo a facer cada ano, esta presentación é un bo momento para lembrar tamén os comezos deste festival e o labor que tivo no seu nacemento Melchor Roel, naquel entón alcalde do Concello de Viveiro", afirmou Loureiro.
“Ademais da categoría dos grupos participantes, o Resurrection Fest non deixa de medrar en todos os aspectos e Viveiro volverá converterse esta semana na capital europea do rock, o metal e o hardcore”, engadiu.
Para o Concello de Viveiro, “é un reto cada ano acoller o Resurrection Fest polos milleiros de persoas que nos visitan, e valoramos moi positivamente, como non podía ser doutra maneira, a repercusión do evento na economía local”.
“Tamén quero agradecer a colaboración dos nosos veciños e veciñas. Viveiro en xeral e Celeiro en particular demostrarán unha vez máis que somos un pobo acolledor”, rematou a alcaldesa.
Saúdos, Comunicación Concello de Viveiro