| Igrexa de San Francisco |
Está situada fóra do antigo recinto amurallado, a igrexa pertenceu ó convento fundado no século XIII polos padres franciscanos. A igrexa e o convento forman un belo conxunto artístico nacional. O templo actual construído no século XIV é do estilo oxival e ten planta de cruz latina. No claustro (século XVIII) consérvanse tres fermosos arcos románicos (descubertos no 1945) e unha porta da primitiva construcción románica do século XIII. A súa ábsida está considerada como un dos máis belos exemplares deste século en Galicia. De visita obrigada é a capela de San Ildefonso, do século XIV, pertence á antiga construcción do templo, é do estilo oxival e con bóveda de crucería.
Posúe un belo retablo renacentista traído por D. Juan Dutton y Aguiar desde os países nórdicos e que pertencía ó desaparecido convento de Santo Domingo. Actualmente está instalado o baptisterio. A capela da Terceira Orde destaca polo seu retablo de estilo barroco do século XVIII, onde se venera á Dolorosa, así como polos grupos procesionais que nela se gardan. Existen varios sepulcros en toda a igrexa sobresaíndo na nave principal os sepulcros da beata Constanza de Castro e o de D. Nicomedes Pastor Díaz. Na sancristía hai un altar cun retablo onde encontramos a impresionante imaxe do Cristo dos Mareantes do século XIV. Nos laterais hai unhas vitrinas con reliquias e fósiles de santos mártires.
|

 |
 |
|
|
|
|